Peixes
Peixes
A piscicultura (cultivo de peixes) está a experimentar un elevado crecemento a nivel mundial debido, entre outros factores, a que é unha alternativa ao crecente esgotamento das reservas pesqueiras. A nivel europeo hai que destacar que España é o Estado membro da Unión Europea (UE) cunha maior produción de produtos acuícolas.
En España o cultivo de peixes baséase fundamentalmente no cultivo da robaliza europea troita arco da vella, rodaballo, dourada, corvina e linguado senegalés cultivándose tamén, aínda que en menor proporción, a seriola, anguía europea, salmón do Atlántico, sollo rei do Adriático, sollo rei siberiano e tenca. Tampouco podemos esquecer unha actividade de gran impacto económico como é o engorde ("engraxamento") do atún vermello na costa mediterránea.
Actualmente Galicia é o principal produtor europeo de rodaballo e un dos principais produtores nacionais de linguado. Tamén hai que subliñar que Galicia foi a única zona do mundo na que se cultivou ollomol e abadexo do Atlántico.
Ademais, Galicia é o segundo produtor nacional de troita arco da vella (con aproximadamente a terceira parte da produción española) así como o primeiro produtor nacional de ovos embrionados desta especie.
En Galicia hai máis dunha vintena de criadeiros e plantas de engorde de peixes mariños, moitas delas pertencentes a grandes grupos empresariais do sector. Galicia é tamén un referente no número de centros e persoas dedicadas á formación e investigación dentro do campo da acuicultura.
Os postos de traballo máis relevantes directamente relacionados cos módulos de Cultivo de Peixes son: técnicos de criadeiros e plantas de engorde de peixes, piscifactorías de auga doce, grandes acuarios, laboratorios, centros I+D+i de empresas e centros de investigación relacionadas con traballos piscícolas, etc.
Para favorecer o dinamismo sectorial e a tendencia de crecemento que ten a piscicultura é imprescindible que o nivel de coñecementos e a formación técnica dos piscicultores sexa cada vez o máis amplo e actualizado posible e esa é precisamente unha das principais metas do profesorado deste centro.