Técnicas analíticas e de control sanitario
Técnicas analíticas e de control sanitario
Para favorecer o dinamismo sectorial e a tendencia de crecemento que ten a acuicultura é imprescindible, entre outros aspectos, que o nivel de coñecementos e a formación técnica dos futuros acuicultores sobre as diferentes técnicas analíticas e os métodos de control sanitario en acuicultura sexa o máis amplo e preciso posible.
As principais liñas de actuación no proceso de ensino-aprendizaxe do módulo de “Técnicas Analíticas e Métodos de Control Sanitario en acuicultura, TACS” céntranse principalmente, nunha primeira parte, nas distintas técnicas e instrumental de mostraxe e no análise, interpretación e control de diversos parámetros físico-químicos durante os diferentes procesos de cultivo en acuicultura.
Nun segundo bloque do módulo abórdanse, principalmente, os métodos fundamentais e protocolos de prevención hixiénico-sanitaria e as barreiras sanitarias, a desinfección e limpeza de materiais e instalacións acuícolas, as principais enfermidades e doenzas dos organismos acuícolas, as técnicas básicas de parasitoloxía e de microbioloxía así como os diferentes métodos de control sanitario e tratamentos de posibles patoloxías en acuicultura.
Os alumnos acadarán a formación necesaria para desenvolver determinadas tarefas asociadas aos postos de prevención e control sanitario dunha instalación de acuicultura.