Historia

HISTORIA DO CENTRO

Os inicios (1992-1994)

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) inaugurouse o 15 de maio de 1992, coa finalidade de cubrir o baleiro formativo existente entre o marisqueo e o nivel universitario. Xa de inicio, aparecía a súa preferente dedicación a formar técnicos/as en acuicultura, pero tamén a súa vocación de abrirse á formación ocupacional e universitaria, á investigación, aos intercambios e á cooperación, algo que non deixou de facer ao longo dos seus case 30 anos de existencia.

O centro comezou impartindo formación para a obtención do Certificado Profesional de Acuicultor/a, e xa en 1993 acolleu o IV Congreso Nacional de Acuicultura e deu os seus primeiros pasos en investigación e de intercambios internacionais (Alemaña, Portugal).

No curso 1993-1994, dispúxose dun programa europeo do Plan Petra II, que abriu a importante vía da formación práctica do alumnado no estranxeiro.

No curso 1994-1995 entraron en vigor as ensinanzas reguladas pola LOXSE, incorporándose o Ciclo de grao Superior en Produción Acuícola e o Ciclo de grao Medio de Técnico en Operacións de Cultivo Acuícola. A vocación internacional manifestouse no establecemento de intercambios no marco da UE dentro dos Programas Leonardo (1996-1999) e deuse inicio ás Viaxes de Orientación Laboral, para coñecer empresas e institucións doutras partes da xeografía española.

A consolidación da formación en acuicultura (1994-1999).

Nesta etapa, o centro consolídase como referente para a acuicultura e o marisqueo en Galicia: en 1994 acolléronse o “2º Congreso Galego de Marisqueo” e  unhas xornadas sobre “As algas: unha alternativa de futuro”, dentro do Proxecto Albatros, e en canto a formación ocupacional, realizáronse cursos de expertos en plantas depuradoras de moluscos, “Cultivador de Moluscos” e Formación de Formadores.

Ampliación da formación e impulso da investigación e a cooperación (1999-2000)

Destacan a ampliación e diversificación das funcións asumidas polo centro, tanto no eido da formación como en investigación, participación en programas europeos e posta en marcha de proxectos de cooperación. 

O IGAFA deixou de ser un centro exclusivamente dedicado á formación en acuicultura, ao incorporar as ensinanzas de mergullo profesional, que comezaron dando formación non regrada, antes de comezar co Ciclo Medio de Técnico de Mergullo a Media Profundidade (curso 2000-2001).

Os novos ciclos e o reforzo da formación (2010-2017)

Debido aos cambios na ordenación dos ciclos formativos, os títulos LOXSE substituiranse, a partir de 2013, polos regulados pola LOE. Mantívose a programación de visitas didácticas a empresas e institucións  que axudan á calidade da súa formación. 
Abriuse unha nova vía de formación no estranxeiro, coa integración das axudas do Erasmus+, en países da Unión Europea. A partir de 2012 incorporouse a oferta de formación para o emprego no sector de extracción de recursos mariños, pola que o centro imparte cursos para a obtención de diferentes certificados oficiais. 

A partir de 2012

A través dun convenio de colaboración coa Universidade de Santiago, iniciouse a acollida de  alumnado para a realización das prácticas e elaboración de traballos fin de grao do Grao de Bioloxía.

Promocionáronse as ensinanzas nos foros de A Coruña (2011), Carballo (2013) e Pontevedra (2015, 2016, 2017) e celebrouse o 25 aniversario do centro con diversos actos e a publicación do libro IGAFA, 25 anos de historia (1992-2017).

Novos retos (2018-22)

Esta etapa viuse influída polos efectos da pandemia da Covid-19. Mantívose a oferta formativa tanto regrada como non regrada, realizándose adaptacións importantes na práctica docente co reforzo da formación do profesorado na utilización de medios informáticos e a dotación dunha Aula Virtual propia.

O 28 de setembro de 2019 cualificouse ao IGAFA como Centro de Referencia Nacional (CRN) en acuicultura e mergullo, iniciando as súas actividades como tal cun programa plurianual para o período 2019-2022.