Cultivos auxiliares
No noso centro temos espazos adicados a todas as actividades relacionadas co cultivo
Os módulos dos ciclos formativos relacionados cos Cultivos Auxiliares están enfocados á produción de alimento vivo, fitoplancto e zooplancto, para outras especies de cultivo, xa sexan moluscos, peixes ou crustáceos.
Dentro do mundo da acuicultura do noso país, Galicia destaca pola produción de moluscos e de peixes, tanto no medio natural, principal escenario dos moluscos, coma en instalacións en terra. Así mesmo, existen centros dedicados á investigación ademais de acuarios de exposición.
Neste ámbito produtivo, para mellorar os sistemas de produción e que os sectores sexan máis competitivos é fundamental a incorporación de técnicos que dispoñan dunha ampla formación teórica e práctica nos distintos campos da acuicultura.
A formación adquirida neste módulo permitirá ao alumnado desenvolver tarefas asociadas a diferentes postos de traballo de técnico nas instalacións antes mencionadas: produción de fitoplancto e zooplancto en criadeiros de peixes e moluscos, en plantas de preengorde de moluscos, en grandes acuarios e centros de I+D+i de empresas e en organismos públicos.
Pero ademais, a formación é igualmente válida para traballar en empresas que produzan fitoplancto ou zooplancto para outros usos tales como a industria alimentaria, cosmética, biodiésel, entre outros.