A CONSELLERÍA DO MAR PREPARARÁ NO IGAFA A FORMADORES EN ACUICULTURA

A CONSELLERÍA DO MAR PREPARARÁ NO IGAFA A FORMADORES EN ACUICULTURA

Durante tres semanas, un total de vinte persoas optarán a capacitarse como formadores especializados co obxecto de poder impartir no futuro cursos destinados ao sector da acuicultura en Galicia.

O curso iniciarase cunha primeira parte de didáctica, con sesións sobre programación e recursos didácticos, habilidades pedagóxicas e avaliación, impartidas por especialistas do "Instituto Benpensante".

O resto das sesións dedícaranse aos aspectos que o propio sector empresarial da acuicultura resaltou como preferentes cara á capacitación dos seus profesionais, en resposta a unha enquisa previa realizada pola administración organizadora.

Estes aspectos van desde a xestión da produción á comercialización, pasando pola xestión sanitaria, a seguridade ambiental, a seguridade e hixiene no traballo, a lexislación aplicable, a nutrición, as patoloxías, a automatización de procesos e a reprodución e a xenética.

Para impartir esta formación contarase con especialistas de prestixio:

-Técnicos do ISSGA formarán en "Seguridade e saúde laboral" e técnicos da administración en "Lexislación en acuicultura".

-A docencia de "Programas de xestión da produción" corresponderá a Antonio Villanueva, investigador do ECIMAT da Universidade de Vigo.

-Os tamén investigadores Francesc Piferrer, do CSIC de Barcelona, e Ana María Viñas, da Universidade de Santiago, encargaranse do apartado de "Reprodución e xenética", mentres que Francesc Padros, da Universidade Autónoma de Barcelona, o fará de "Xestión sanitaria na piscicultura" e Juan Barja, catedrático de microbioloxía do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago, de "Patoloxía de moluscos".

-Fernando Otero Lourido, especialista en industria alimentaria, asesor xurídico e secretario do Cluster da Acuicultura, e María Silva, da empresa Noresga, faranse cargo da formación en "Medio ambiente e seguridade ambiental", técnicos da empresa Skretting formarán en "Nutrición de peixes" e os ponentes -tamén procedentes do mundo empresarial- Fernando Malet, de Innovaqua, e Enrique Vega, de Integraqua Tecnology, encargaranse de "Automatización de procesos e control de parámetros" e "Aplicación de novas tecnoloxías en acuicultura", respectivamente.

-O curso completarase con aspectos relacionados coa comercialización: Juan Manuel Fernández Aldana, da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños de España (APROMAR), tratará sobre "Comercialización e control de calidade na piscicultura" e Juan Doamo, director técnico de Conxemar, e José Pelayo Miguez, do Centro Analítico Míguez Muíños, sobre "Comercialización de moluscos bivalvos".

 

Este curso de formación de formadores en acuicultura enmárcase nun Programa do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que ten como obxectivo o fomento dunha acuicultura sostible, eficiente, innovadora e competitiva a través da actualización a a mellora da formación dos profesionais do sector, que terá continuidade cun plan de oferta de cursos de actualización destinados a este fin.

 En prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo